AETINAPE | LA VOZ DE GALICIA-PRIMERA MUJER AL MANDO DE UN PINCHERO
3880
post-template-default,single,single-post,postid-3880,single-format-standard,qode-quick-links-1.0,ajax_fade,page_not_loaded,,footer_responsive_adv,hide_top_bar_on_mobile_header,qode-content-sidebar-responsive,qode-child-theme-ver-1.0.0,qode-theme-ver-11.1,qode-theme-bridge,wpb-js-composer js-comp-ver-5.5.4,vc_responsive
 

LA VOZ DE GALICIA-PRIMERA MUJER AL MANDO DE UN PINCHERO

LA VOZ DE GALICIA-PRIMERA MUJER AL MANDO DE UN PINCHERO

Arantxa Toriza: «A muller aínda non ten oco na maioría de pesqueiros, pero co título recibo ofertas»

Viveirense de 28 anos, esta patroa de costa é a primeira muller que estivo ao mando dun pincheiro do Gran Sol: o Flecha de Celeiro

ARANTXA TORIZ
S. SERANTES
VIVEIRO / LA VOZ

«Non me gusta chamar a atención, pero se serve para que outras mulleres vexan que si se pode…». Aos seus 28 anos, a viveirense Arantxa Toriza acepta falar da súa experiencia como a primeira patroa de costa dun pincheiro do Gran Sol na Mariña lucense. «O mar gústame de sempre, pero non tiña ningunha relación coa pesca e só pisara un barco para ir ás luras». Única alumna do ciclo superior de Navegación, Pesca e Transporte Marítimo na promoción do 2010-2012 da Escola Náutico-Pesqueira de Ferrol, de «tanto oír aos compañeiros falar de pesca» mudou a idea de dedicarse á pasaxe, aos cruceiros. Non tardou en comprobar que a muller «aínda non ten oco na maioría de pesqueiros, pero co título empecei a recibir ofertas de traballo».

 -Vén de rematar a súa primeira marea como segunda patroa no Flecha, o mesmo pincheiro de Celeiro no que fixo as prácticas.

-Estiven 15 ou 16 días, para facer unha substitución. Xa me chamaran antes, dúas veces, pero nunha aínda non me chegara a titulación e na outra, no verán, estaba de patroa do Catro Vellos Mariñeiros, un bote de paseo entre Viveiro e o Fuciño do Porco. Logo de tres anos sen atopar barco, no Flecha aceptáranme antes como alumna. Repartino en tres anos, porque me saían proxectos para outras cousas, remunerados, e como na vida tes que gañar, fíxeno en quendas de dous, tres e sete meses.

-E como viviu a experiencia?

-Como alumna xa me sentín ben tratada, xenial, tanto pola tripulación como polos armadores. Estou encantada e agradecida con todos e non me sentín en ningún momento discriminada. Agora, como costa, leveino ben, fun nerviosa pola responsabilidade, porque xa non era alumna, pero a tripulación dicíame que estaban aí para botar unha man, tranquilizábanme. O pesca e o motorista, que eran irmáns, portáronse moi ben comigo.

-Que fixo desde que acabou o ciclo ata que empezou no Flecha?

-Como nunca fora ao mar, no 2012 intentei atopar un arrastreiro de litoral para os dous meses de prácticas, pero non me aceptaron e fíxenas nun remolcador do porto de Alcoa, en San Cibrao. Non encontraba pesqueiro como alumna, estaba no paro e fixen un curso de informática, que tamén me viña ben para o barco, que está cheo de ordenadores. Chamáronme para un programa Erasmus, non relacionado coa pesca, e por iso no 2015 vivín dez meses en Italia.

 -Cando non a admitían nos pesqueiros, que lle dicían?

-Na escola vin que podía dedicarme á pesca e sabía que había traballo, pero o caso é que me queiran, porque seguen poñendo a mesma escusa. Na maioría de pesqueiros a muller non ten oco, aínda nos exclúen porque ven problemas en compartir camarotes e baños. Como alumna, tiven que compartir camarote e non houbo ningún problema, pero non tiven un baño especial para min, é tan simple como usalo igual ca nunha casa na que hai un.

-Cambiou algo desde que xa pode exercer o mando?

-Os armadores quéixanse da falta de titulados, de tripulantes…

-Para que a xente nova queiramos ir ao mar teñen que ofrecernos propostas apetitosas, non somos coma a xente de antes. Non quero estar todo o ano metida no mar, xa se poden esquecer. Dependendo de en que barco, gañas bastante, pero a custa de que? Non vas embarcar para gañar case o mesmo que en terra, porque no mar traballas unha pila de horas, fóra da casa, non estás cos teus… E mallado, porque, por exemplo, durante o inverno pasado, de novembro a marzo no Gran Sol non tivemos nin un triste día de calma.

“OS ARMADORES TEÑEN QUE OFRECERNOS PROPOSTAS APETITOSAS”