ENTREVISTA A NUESTRO COMPAÑERO FELIX GONZALEZ TUÑEZ

ENTREVISTA A NUESTRO COMPAÑERO FELIX GONZALEZ TUÑEZ

«Luras conxeladas taponaron un burato no barco»

O capitán de pesca xubilado Félix González Túñez empezou na cociña e acabou de capitán de flota

MARCOS CREO
Ribeira / la voz

 Segundo fillo dun matrimonio de mar. Neto de mariñeiros por parte de nai e de pai. Todos os irmáns, profesionais da pesca. Podería ser a descrición de calquera persoa nada en Noia, mais é a vida de Félix González Túñez.

A historia comeza nunha vila onde o mar é o principal sustento das familias: «Empecei a traballar no mar en 1975, cando tiña 19 anos, como axudante de cociña. En Noia, daquela, o mar era o único traballo que había, porque non tiñamos industria nin fábricas» di este lobo de mar. Alén da situación da localidade, cun avó materno que navegaba a vela polo Atlántico e un avó paterno redeiro na casa do mar de Vigo, poderíase dicir que o mar xa era algo case xenético na familia de Túñez.

Tras unha tempada nas cociñas, comezou a súa vida de mariñeiro e, ao longo dos anos, continuou a súa formación para chegar a ser contramestre, patrón, capitán de pesca e inclusive capitán de iate. Con esta bagaxe, chegou a ser capitán de flota de empresa: «No 95, enviáronme para abrir en Namibia unha factoría onde traballaban 400 mulleres. Ademais de ser o director, tamén controlaba todas as embarcacións de fresco, conxelado, mercantes e de exportación directa a Europa. Logo fixen algo parecido en Boston e Arxentina».

Mareas de sobresaltos

As anécdotas no mar, que despois de tantos anos non son poucas, acoden á memoria do capitán en numerosas ocasións. «Fomos a Libia a facer un estudo de pesca e acabamos sacando da auga un mísil ruso. Tamén tivemos que ir a Yemen a facer outro estudo e colleunos na metade da guerra. Os soldados de Yemen do Sur rompéronnos todos os equipos do barco e botáronnos do país, así que navegamos ata Somalia con máis de vinte médicos cubanos como refuxiados».

Foron uns anos complicados para Félix González e a súa actividade marítima, e os riscos non só non acabaron aí, senón que continuaron nos diversos países que visitou o capitán. «Traballamos nas augas de Marrocos cando os saharauís pedían a independencia e atacaban os barcos españois. En Libia, un compañeiro e eu acabamos na comisaría por facer deporte en pantalón curto no peirao. Coa ditadura de Gadafi alí, a vida no porto non foi nada cómoda para nós».

Non obstante, este lobo de mar tivo a sorte de non ter que lamentar ningún naufraxio, aínda que nalgunha ocasión si que estivo preto: «Nas Malvinas, un barco golpeounos deixando un burato na bodega de oito metros de largo. Grazas ás luras conxeladas que tiñamos alí, quedou taponado ata que chegamos a reparalo».

 Mar de Noia

No 2004, tres anos despois da súa xubilación, Túñez fundou, xunto con 200 persoas máis, a Asociación Mar de Noia e converteuse no seu presidente ata o día de hoxe. Esta asociación, formada por persoas con experiencia no mar, permitiulles abrir o Museo do Mar noiés. «No 2011, cedéronnos a antiga praza de abastos e alí puidemos abrir o museo. No 2016 pechamos e gardamos todo o material en almacéns para comezar coa construción do novo edificio. Esperamos que estea listo para finais deste mesmo ano. Durante o lustro que estivo funcionando, abríamos unicamente os xoves e os domingos polas mañás e as visitas foron de 60.000 persoas».

Pese a non estar en activo hoxe en día, o museo albergou, e albergará proximamente, diferentes seccións relacionadas co mar, dende motores completos e pezas ata un simulador de ponte de mando con todos os equipos en funcionamento: «Temos a colección completa do motor Ayón e do Forte, ambos patentados en Noia; nóminas das factorías e cartas de despedimento; a mandíbula superior da primeira balea que se pescou en Caneliñas no 51; un arquivo con máis de 5.000 fotografías de varios séculos e unha biblioteca náutica con documentos e libros dende o século XVIII ata hoxe».

 Namibia

Túñez lembra o seu traballo en Namibia como o que máis gozou: «O mundo laboral deume todos os coñecementos que precisaba para ser director xeral, así que para min foi o traballo máis fácil que fixen. Ademais, puiden levar á miña familia comigo».