AETINAPE | 2014-EL MAR DE LA BUROCRACIA-NACHO MIRAS
2442
post-template-default,single,single-post,postid-2442,single-format-standard,qode-quick-links-1.0,ajax_fade,page_not_loaded,,footer_responsive_adv,hide_top_bar_on_mobile_header,qode-content-sidebar-responsive,qode-child-theme-ver-1.0.0,qode-theme-ver-11.1,qode-theme-bridge,wpb-js-composer js-comp-ver-5.6,vc_responsive
 

2014-EL MAR DE LA BUROCRACIA-NACHO MIRAS

2014-EL MAR DE LA BUROCRACIA-NACHO MIRAS

CARA B | José Manuel Muñiz Presidente da Asociación Nacional de Titulados Náutico-pesqueros (Aetinape) «O mar da burocracia pode ser tan duro como o Gran Sol»

Leva vinte anos defendendo os intereses dun sector que coñece e sabe retratar como ninguén; e está operativo as 24 horas, «por se pasa algo»

Por Nacho Mirás Fole | nacho.miras@lavoz.es

LA VOZ DE GALICIA-18/10/2010

Pouca xente ten desde terra unha visión tan global do mundo do mar. José Manuel Muñiz Ríos (A Pobra do Caramiñal, «segunda metade do século pasado») leva vinte anos no temón da Asociación Española de Titulados Náutico-Pesqueros (Aetinape). Gran conversador, irónico e fino no humor, pregunta: «Sempre me chamades cando hai desgrazas ¿Que pasou desta vez?».

-Só quería saber do sempiterno Muñiz, co teléfono operativo as 24 horas por se afunde algún barco. ¿Como foi o de deixar o mar para defender o sector en terra?

-Levo media vida. A miña entrada en Aetinape non foi buscada. Existían asociacións rexionais, unha en Vigo, en Andalucía… Alguén pensou que, como eu andaba a protestar todo o día, igual podía facer algo. E estaba solteiro. Pero había vida antes de min, son o continuador dun labor. No mundo do mar hai moitas diferenzas territoriais, incluso na propia Galicia. O reto foi unificar. Como di un amigo meu, o galego é minifundista a todos os niveis, pero o noventa por cento dos problemas da xente do mar son comúns. Foi un desafío e un mérito de todos os titulados poñernos de acordo a nivel do Estado. Somos uns 6.000. E pensa que, entre o 60-65% da poboación marítima española é galega; polo tanto, os titulados náutico-pesqueiros tamén.

-¿É vostede mariñeiro en terra? ¿Un burócrata?

-O padre Joseba Beobide Arburúa, cura entrañable, dicíalle aos galegos cando ían a Terranova: «Hai vivos, mortos e mariñeiros». É un tipo máis coñecido en Galicia que moitos conselleiros; un mariñeiro nin é vivo nin é morto. Se un leva tanto tempo metido aquí xa non sabe como definirse e, se te burocratizas demasiado, corres o risco de comezar a falar unha linguaxe diferente do que fala a xente á que representas.

-Coñezo algún sindicalista afectado por ese mal…

-¿Ves? Hai xente á que lle pasa. Se queres manter unha capacidade de translación dos que non teñen voz aos poderes públicos tes que estar en contacto con eles sistematicamente; o divorcio provocaría unha morte irreversible. Sempre digo que o mar da burocracia pode ser tan duro como o Gran Sol. En política, a distancia máis curta entre dous puntos case nunca é a liña recta.

-¿Non bota a faltar o vento mareiro na cara?

-Fisicamente, moito. Considérome un aprendiz permanente e un receptor de información dos meus compañeiros que teñen moita máis autoridade ca min. Hai moito que aprender incluso do mariñeiro máis humilde.

-Mire que non teñen levado paus os mariñeiros galegos en 25 anos…

-Padeceron os cambios máis graves dos últimos cen anos, e non quero esaxerar. O proceso de integración en Europa era unha necesidade imperiosa, pero pasóusenos unha factura sumamente elevada para o menú que nos puxeron. A pesca supoñía en Galicia ata o catro ou o cinco por cento do produto interior bruto e, a nivel de España, era o 0,4. O Estado pensaba que negociaba sobre un tema marxinal, pero en Galicia era un asunto demoledor.

-¿Cal foi a primeira gran crise que tivo que capear como presidente de Aetinape?

-A expulsión de Namibia da flota conxeladora, a mellor que tiña este país. Xa viñamos queimados do proceso de adaptación a Europa, comezaban as escaramuzas con Marrocos…

-¿E non sería tamén que nos cremos os reis do mar?

-Non nos decatamos que os ventos comezaban a virar. E chegou a globalización e os portos pesqueiros deixaron de ser os sitios por onde entraba o peixe, aeroportos como Vitoria pode que sexan hoxe os portos pesqueiros máis importantes. ¡E non nos demos conta! Despois veu a desfeita da flota do banco canario-sahariano, a guerra do fletán, naufraxios sempre presentes, apresamentos, agora a piratería no Índico… desgraza tras desgraza.

-¿E que fixemos cos fondos de cohesión?

-Foi o gran fracaso na pesca. Non conseguimos diversificar a economía e crear un novo tecido industrial que permitira a reinserción laboral dos excedentes. Os fondos remataron e a factura vai ser dura. O mar deixou de ser unha saída. Fomos unha potencia, pero, en positivo, direi que de todo isto aprendemos que non podemos vivir dando as costas ao mar.

·